Wednesday 01 de May de 2024

O Concello de Frades reabre á circulación a ponte sobre o Río Maruzo, tras as obras de construción dunha nova infraestrutura nas que se investiron máis de 82.000 euros


 

O acceso á aldea de Augasantas (Céltigos) desde a parroquia de Vitre estaba cortado dende o inicio dos traballos hai tres meses

O Concello de Frades informa da reapertura á circulación de vehículos da ponte sobre o Río Maruzo, unha vez rematadas as obras de construción dunha nova ponte que substitúe a anterior, que presentaba roturas na zona de contacto coa auga. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “acabamos de recibir as obras executadas pola Consellería do Medio Rural, a quen agradecemos a súa colaboración pois sen ela non poderíamos ter asumido este arranxo, polo que dende hoxe venres a ponte sobre o río Maruzo volve estar aberta á circulación”.

A ponte sobre o río Maruzo constaba dun tubo de aceiro que presentaba roturas na zona de contacto coa auga, agravadas durante as riadas do ano 2017, o que facía preciso substituíla para garantir a seguridade dos usuarios que empregan esta estrada. “Pedimos axudas tanto á Xunta como á Deputación”, explica Roberto Rey, quen salienta que “finalmente foi a Consellería do Medio Rural quen incluíu esta obra no Plan de Infraestruturas Rurais 2017 e achegou os máis de 82.000 euros precisos para construír a nova ponte”.

Así mesmo, Rey Martínez reitera as desculpas do Concello de Frades polas molestias causadas á veciñanza durante os tres meses que duraron os traballos de derrubo da antiga ponte e construción da nova, “especialmente á veciñanza de Augasantas, que non puido acceder á súa aldea dende Vitre, pero tratábase dunha actuación moi necesaria para garantir a seguridade viaria de todas as persoas que transitan por esta vía”.

Obras

As obras de construción da nova ponte sobre o río Maruzo, na localidade de Augasantas (parroquia de Céltigos, Frades) foron adxudicadas por Medio Rural a Tragsa por un importe de 82.262,73 euros a Tragsa. Uns traballos que comezaron en outubro de 2018 e que cumpriron cos tres meses do prazo de execución previsto.

O paso sobre o río Maruzo estaba resolto mediante un tubo de drenaxe en aceiro que presentaba roturas na zona de contacto coa auga. As obras consistiron na substitución deste tubo por un marco prefabricado de formigón armado de 5 x 4,5 metros e cun ancho de taboleiro de 8 metros, acompañado por pedra de granito. Unha estrutura que conta con cinco metros máis de ancho ca ponte anterior, o que aumenta a seguridade viaria e peonil:

A maiores, reafirmouse a estrada con triplo tratamento asfáltico e colocouse unha varanda metálica. Como a actuación tivo lugar nunha zona con especiais valores naturais, xa que afecta parcialmente ao LIC Río Tambre, o proxecto incluíu a rexeneración paisaxística da contorna da ponte e a plantación de especies autóctonas.